Ir o contido principal
  • Teléfono: 981 24 35 06
  • Email: info@omundoquequeremos.org

4º Edición

O 16 de decembro do 2016 mais de quinientos mozos e mozas de seis institutos galegos comezaron a gran aventura de O Mundo que Queremos que os acercou durante todo o curso a realidade dos países do Sur.

As ONG Solidaridade Internacional de Galicia, a Asociación Galega de Reporteir@s Solidari@s (Agareso), Educo, Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP), 100Tolas e Tempo de Loaira unironse neste proxecto para potenciar a educación en valores, combater os prexuízos e contribuír a educar cidadáns máis críticos e propositivos. Os institutos que no curso 2016-2017 apostaron por esta iniciativa foron o IES David Buján (Cambre, A Coruña), CPI Cabo da Área (Laxe,  A Coruña), IEs Isidro Parga Pondal (Carballo), IES Pintor Colmeneiro (Silleda, Pontevedra), IES Fomiñá (Pastoriza, Lugo) e IES Valadares (Vigo, Pontevedra).

 

foto familia laxe

 

 

O proxecto dividiuse en varias estacións, con paradas moi diferentes, pero deseñadas para que ao final do curso o alumnado tivera unha visión máis completa, tanto dos contidos que aborda a cooperación internacional como das ferramentas que teñen na súa man para contribuír á loita contra a desigualdade.

Na primeira parada achegámonos aos centros educativos para debatir e reflexionar sobre temas como a pobreza, o desenvolvemento sostible, a corresponsabilidade… conceptos complexos, pero que a través de accións lúdicas, como xogos de rol ou o xogo das cadeiras son máis sinxelos de incorporar para o alumnado.

 

 A segunda parada chegou no mes de xaneiro do 2017 cos obradoiros de radio e fotografía. Parte central do proxecto porque buscan que os rapaces e rapazas interioricen as problemáticas abordadas a través de ferramentas de comunicación e facelos partícipes da solución a través de accións de denuncia. Os obxectivos da segunda sesión destes obradoiros era coñecer mellor os medios de comunicación  e a súa vertente máis social, reflexionar, facernos máis críticos e donos do noso propio discurso, fomentar a creatividade e organizarse para traballar en equipo. Nesta sesión abordaron as distintas problemáticas escollidas para a aula ( desigualdade de xénero e social, medio ambiente, pobreza...) e trazamos un plan de acción para conseguir a información, os audios ou as imaxes necesarias para construír o noso produto de comunicación. Na terceira sesión no mes de febreiro constríuse o produto comunicativo para a súa difusión: Un programa de radio e unha exposición fotográfica. Tamén cos mozos e mozas de Cambre visitamos a radio comunitaria da Coruña, CUAC FM, para coñecer de preto, unha das radios comunitarias mais importantes da nosa contorna.

alumnado en cuac

Na terceira parada no mes de marzo, a través da metodoloxía do Teatro Foro, unha das técnicas do Teatro d@s Oprimid@s, as compañeiras do colectivo 100Tolas convidaron o alumnado a coñecer a Ana e a súa viaxe. Viviron con ela a súa historia e compartiron as dificultades que se foi atopando neste camiño. Para ao final entre todas e todos buscar alternativas ás situacións de opresión que vive Ana só polo feito de ser muller e migrante. Traballouse a través desta historia o tema do racismo, a inmigración e a desigualdade e a violencia de xénero… problemáticas que o alumnado tivo que saber identificar na vida cotiá de Ana, pero sobre todo foi  partícipe da súa solución aportando alternativas.

 

 A última parada foi no mes de abril coa visita de dúas mulleres de República Dominicana, Marleni Polo e Rosaura Pérez do Instituto de Acción Comunitaria (IDAC) que a través das súas experiencias vitais e a súa colaboración con proxectos de cooperación realizados no país caribeño contáronlle ao alumnado como loitan contra a desigualdade desde as súas comunidades.

 A traca final foi a presentación de todo o traballo feito durante o ano nos diferentes concellos dos centros educativos no mes de xuño.