Ir o contido principal
  • Teléfono: 981 24 35 06
  • Email: info@omundoquequeremos.org

Adolescentes de toda Galicia achéganse a Honduras da man de dúas activistas que visitan o noso país estas semanas.

Alumando IES LUis seoane

Adolescentes de toda Galicia achéganse a Honduras da man de dúas activistas que visitan o noso país estas semanas.

11 de abril. Santiago.  Os case seiscentos estudantes de secundaria que este ano forman parte do proxecto educativo Activistas polo O Mundo Que Queremos recibirán durante os próximos días a visita de dúas activistas hondureñas que loitan contra a desigualdade de xénero e os abusos medio ambientais no seu país.

Elas son “defensoras dos bens comúns” nun dos países do mundo máis perigosos para exercer o activismo.  De feito, nalgúns contextos, o activismo pode supor un grave risco, mesmo para a seguridade e a vida das persoas activistas.

O obxectivo deste encontro entre as activistas e o alumnado de seis institutos de Pontevedra, Vigo, O Grove, Coristanco e Oleiros, é que as mozas e os mozos galegos coñezan a loita destas mulleres de primeira man, se inspiren na súa forma de intervir na súa realidade a través do activismo, e tamén  reflexionen sobre as desigualdades norte-sur.

Jaira Maribel Castillo Vasquez é unha muller do pobo orixinario lenca, feminista, produtora vinícola, pintora, e defensora das mulleres, da terra e do territorio. Forma parte da Unión de Trabajadores del Campo (UTC) unha organización que leva anos loitando contra os abusos dos proxectos industriais e extractivos en Honduras. 

Actualmente existe no país unha alarmante problemática con respecto á explotación mineira que por un lado xenera inevitables consecuencias sobre os recursos naturais ao modificar a propia xeografía e orografía do país, e por outra provoca o desprazamento forzado de milleiros de persoas orixinarias destas terras.

Pola súa parte, María Esther Ayala Escalante é Licenciada en ciencias xurídicas e sociais, feminista e defensora dos dereitos humanos. Traballa como educadora no Centro de Derechos de las Mujeres (CDM) unha organización feminista que leva máis de trinta anos loitando polos dereitos sociais, laborais e reprodutivos das mulleres en Honduras.

Ademais de acudir aos centros educativos, as activistas reuniranse cos representantes de Cooperación Galega, financiadores deste proxecto e impartirán charlas abertas en Pontevedra (na tenda de Comercio Xusto de Solidariedade Internacional de Galicia) e en Santiago na Libraría de Mulleres Lila de Lilith ( pendente de confirmar) para compartir como é o seu día a día na loita polos dereitos humanos en Honduras.

As ONGD galegas traballan man a man con organizacións hondureñas para poder contribuír a xerar as condicións necesarias para que a cidadanía se empodere e se organice na procura do seu propio desenvolvemento para equilibrar os niveis de desigualdade estrutural que se dan neste momento.

En obradoiros anteriores o alumnado aprendeu o que significa ser unha persoa activista tanto na Galiza coma noutras partes do mundo. Tamén reflexionou sobre como as ferramentas comunicativas como a radio, pódenlles axudar no seu activismo realizando os seus propios programas de radio de denuncia. Agora coñecerán a dúas mulleres valentes que intentan cambiar a súa realidade. 

Esta é a décima edición dun proxecto que en anos anteriores xa chegou a 3.900 mozos e mozas de toda Galicia e que é posible grazas a unión de tres ONGDs, Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso) e Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) e ao  financiamento da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE.

Forma parte da plataforma de innovación educativa ‘Plan Proxecta’, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

 

AXENDA DA VISITA DAS ACTIVISTAS

Mércores, 12 de abril: Charla no IES As Bizocas (O Grove): De 10:30h a 11:15h e 12:30h a 14:10h

Xoves, 13 de abril

  • Pola mañá: Charla no IES Montecelo (Pontevedra) de 8:30h a 10:10h e de 11:30h a 13:10h
  • Pola tarde: Encontro aberto na tenda de Comercio Xusto de Solidariedade Internacional de Galicia (Galerías Oliva, Rúa da Oliva, 2, local 13) 18:30h

Venres, 14 de abril: Charla no IES Luís Seoane (Pontevedra) 9:50h -11:30h e de 12:00h a 13:50h

Luns,, 17 de abril:  Charla no IES Valadares (Vigo) 9:35h a 11:35h e de 11:45h a 13:25h

Martes, 18 de abril

  • Pola mañá: Charla no CPI Alcalde Xosé Pichel (Coristanco). Pendente de confirmar horario.
  • Pola tarde: Encontro aberto na Libraria Lila de Lilith (Rúa Travesa, 7) en Santiago de Compostela ( Pendente de confirmar).

Mércores 19 de abril:  Charla no IES María Casares (Oleiros) de 10:30h a 12:10h

 

Últimas novas