Este sábado 8 de novembro celebrouse en Santiago de Compostela a sesión de formación inicial para profesorado do proxecto Activistas polo Mundo que Queremos, unha iniciativa de Educación para a Cidadanía Global impulsada por Solidariedade Internacional de Galicia, Asemblea de cooperación pola paz e Agareso, no marco do Plan Proxecta+ da Xunta de Galicia.
Baixo o título “Estratexias innovadoras para traballar os activismos xuvenís”, a actividade formativa foi o punto de partida para o curso 2025/2026 e reuniu a 14 docentes dos catro centros educativos participantes nesta nova edición: o IES A Paralaia de Moaña, o IES do Milladoiro de Ames, o IES Eduardo Pondal de Ponteceso e o IES Ramón Caamaño de Muxía.
Un espazo de aprendizaxe compartida e de intercambio de experiencias onde o equipo técnico do proxecto presentou as claves pedagóxicas de Activistas polo Mundo que Queremos, baseadas nunha educación transformadora, crítica e participativa que convida ao alumnado a implicarse activamente na construción dun mundo máis xusto e sostible. Abordáronse cuestións como o marco teórico da Educación para a Cidadanía Global, o uso da comunicación e da radio como ferramentas para o cambio social, e o funcionamento da aula virtual do proxecto.
Tamén tratáronse cuestións más prácticas vinculadas co rol do profesorado e a programación das sesións ao longo do curso. Nas últimas horas da sesión contouse coa colaboración da cooperativa Outonía, entidade que este ano avalía o proxecto, que aproveitou o espazo para recoller información relevante de cara ao informe de diagnóstico inicial, ademais de compartir datos preliminares das enquisas realizadas ao alumnado participante, que axudaron a coñecer mellor a realidade da situación de partida en cada centro.
Con esta sesión, Activistas polo Mundo que Queremos bota a andar un novo curso cargado de ilusión e compromiso. Un espazo educativo que, por décimo terceira ocasión, chega ás aulas para tratar de fortalecer os valores do antirracismo, feminismo, xustiza ambiental e defensa dos dereitos LGTBIQ+, promovendo unha mocidade galega comprometida co cambio social.