Ir o contido principal
  • Teléfono: 981 24 35 06
  • Email: info@omundoquequeremos.org

Benvida, benvido a 12ª edición da iniciativa pedagóxica que busca xerar conciencia crítica na xuventude galega: Activistas polo Mundo Que Queremos

Benvida, benvido a 12ª edición da iniciativa pedagóxica que busca xerar conciencia crítica na xuventude galega: Activistas polo Mundo Que Queremos

Un proxecto de Educación para a Cidadanía Global que naceu no ano 2013 e que cos catro centros que se suman este ano (Avelina Valladades da Estrada,  O Barral de Ponteareas, Xulián Magariños de Negreira e Lauro Olmo de O Barco de Valdeorras) xa chegou a 76 centros educativos, 305 profesores e profesoras e 5.075 alumnos e alumnas. Ten por obxectivo promover que o alumnado galego de secundaria sexa consciente da interconexión que existe entre as realidades locais e as dinámicas globais, para fomentar a conciencia crítica e traballar a corresponsabilidade que todas e todos temos na construción da xustiza social.

Nace e crece grazas a colaboración entre tres ONGDs Galegas: Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso) e Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP), e ao financiamento da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE.

Forma parte da plataforma de innovación educativa ‘Plan Proxecta’, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

É unha iniciativa que mestura a presencialidade e a virtualidade (aula moodle)

Promove competencias como:

  • Comunicación lingüística. Promovendo a habilidade de usar a lingua ( tanto a galega como a castelá) para expresar ideas e relacionarse con outras persoas de maneira oral e/ou escrita.
  • Competencia dixital. Implicando o uso seguro e crítico das TIC para obter, analizar, producir e intercambiar información.
  • Aprender a aprender. O alumnado desenvolverá a súa capacidade para iniciar a aprendizaxe e persistir nel, organizar as súas tarefas e tempo, e traballar de xeito individual e/ou colaborativo para conseguir un obxectivo.
  •  Competencia social e cívica. Traballarán á capacidade para relacionarse coas persoas e participar de maneira activa, participativa e democrática na vida social e cívica.
  •  Conciencia e expresións culturais. Traballarase a capacidade para apreciar a importancia da expresión a través dos guións de radio, a fotografía, a música, etc.

O proxecto abórdase ao longo do curso a través de oito sesións: 4 presenciais e 4 virtuais, nas que a través de metodoloxías innovadoras como a visita aos centros de activistas doutros países ou a radio como elemento de transformación e denuncia, apoiarán ao alumnado para construír activismos xuvenís que transcendan o centro educativo.

  • Parada 1 (presencial). Novembro. Que significa ser activista? Primeiro taller presencial para dar a coñecer o proxecto, a aula virtual e os conceptos cos que imos traballar.
  • Parada 2 (virtual). Decembro. Elixe o teu activismo. O alumnado achégase a unha das catro posibles liñas de activismo (ambiental, feminista, LGTBI e antirracista) e coñece as maneiras de actuar na súa contorna a nivel local contra problemas que teñen repercusión global.
  • Parada 3 (presencial). Xaneiro. Comunicación transformadora. Analizamos os medios de comunicación de masas e as redes sociais desde unha perspectiva crítica e de cidadanía global.
  • Parada 4 (virtual). Febreiro. Guións do programa de radio. Creamos os nosos guións radiofónicos sobre o activismo elixido. Traballo en aula do alumnado guiado polo profesorado a través da aula virtual.
  • Parada 5 (presencial). Febreiro-marzo. Obradoiro de radio. Gravamos na aula os nosos programas de radio activista.
  • Parada 6 (virtual). Marzo. Coñecendo activistas do sur. Coñecemos un pouco máis o labor e o país de activistas que combaten diferentes desigualdades noutras partes do mundo e que visitarán na seguinte sesión o noso centro educativo.
  • Parada 7 (presencial). Abril. Visita das activistas do sur. Persoas implicadas nas loitas contra as diferentes desigualdades visitan os centros educativos.
  • Parada 8. Escoitamos os nosos podcast e avaliación final. Maio/xuño.

 

Últimas novas