Ir o contido principal
  • Teléfono: 981 24 35 06
  • Email: info@omundoquequeremos.org

Comeza a 8º edición do proxecto educativo “Activistas polo mundo que queremos”

Alumnado participante en edicións anteriores de "O mundo que queremos"

Comeza a 8º edición do proxecto educativo “Activistas polo mundo que queremos”

Hoxe arranca una nova edición do proxecto de educación en valores ‘Activistas polo mundo que queremos’ no que participarán mais de cincocentos mozos e mozas de seis institutos galegos. A idea, mudar as cousas que non lles gustan.

Dende Gretta Tumber ou Malala a Emma Gonzalez ou Amika George, nos últimos anos están a xurdir novos e crecentes movementos sociais promovidos por adolescentes. Este proxecto, que se estenderá ata o mes de abril, pretende apoiar ao alumnado galego para que coñeza e de algunha maneira se integre neste movemento global de xuventude inspiradora. 

Os centros educativos que se suman ao proxecto este ano son o  CPI As Mirandas en Ares (A Coruña), o CPI Plurilingüe de Castroverde (Lugo) e na provincia de Pontevedra, o IES Primeiro de Marzo de Baiona,  IES Miguel Ángel González Estévez de O Carril en Vilagarcía de Arousa, o CPI do Toural de Vilaboa, e CPR Rosalía de Castro en Vigo.

Será a oitava edición dun proxecto que xa achegou estas cuestións máis de 3.000 alumnos e alumnas dende o 2013,  pero que por mor da pandemia, este ano incluirá unha forte aposta pola educación virtual. ‘Activistas polo mundo que queremos’ mestura nesta nova edición as sesións presenciais coas online a través dunha aula virtual. 

Infografia activistasDurante este mes de xaneiro terá lugar a primeira sesión presencial do proxecto, onde os mozos e mozas aprenderán o que significa ser un activista. Na segunda sesión o alumnado participante achegaráse virtualmente ás realidades de outros países como O Salvador, Marrocos, Guinea Bissau ou a República Dominicana. Na terceira sesión,  xa en febreiro e tamén online, terán a oportunidade de charlar con activistas que dende República Dominicana e O Salvador loitan por mellorar as condicións de vida nos seus países.  Na cuarta sesión coa aula virtual de comunicación transformadora aprenderán como as ferramentas comunicativas lles poden axudar no seu activismo. Marzo, será o mes de poñerse en acción coa quinta sesión, que será presencial,  e na que porán en práctica todo o investigado e aprendido cun obradoiro de radio no que elaborarán as súas propias reportaxes radiofónicas. En abril terá lugar a última sesión online de ciberactivismo e contrapublicidade.

A punto final do proxecto será a presentación de todo o traballo feito durante o curso nos diferentes concellos dos centros educativos. Estas presentacións teñen o obxectivo de amplificar as mensaxes elaboradas polo alumnado e convidar ao resto da comunidade a coñecelas e tomar partido.

"Activistas polo mundo queremos" faise posible grazas a unión de tres ONGDs, Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso) e Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) e ao  financiamento da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE.

Forma parte da plataforma de innovación educativa ‘Plan Proxecta’, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

CALENDARIO DE SESIÓNS PRESENCIAIS EN XANEIRO

  • 11 de xaneiro: CPR Rosalía de Castro en Vigo. De 10h-11:40h (2º ESO A) e de 12:45h a 14:20h (2º ESO B).
  • 13 de xaneiro:  
    • CPI do Toural en Vilaboa (Pontevedra). De 10:40h- 12:20h (2º ESO A) e de 12:40h a 14:20h (2º ESO B)
    • IES Miguel Ángel González Estévez de O Carril (Vilagarcía de Arousa)de 9h a 10:40h (3º ESO B), de 10:40 a 12:55  (3º ESO C), e de 12:55h a 14:35h (3º ESO A).
  • 15 de xaneiro: IES Primeiro de Marzo de Baiona ( Pontevedra) de 8:30h a 10:10h ( 3ºA  e 3ºC), de 10:10h a 12:20h ( TASOC) e de 11:30-13:10h ( (3ºB)

VÍDEO-RESUMO de O Mundo que queremos de pasadas edicións.

Últimas novas