Ir o contido principal
  • Teléfono: 981 24 35 06
  • Email: info@omundoquequeremos.org

Comeza a novena edición de "Activistas polo Mundo que Queremos"

Comeza a novena edición de "Activistas polo Mundo que Queremos"

O vindeiro luns día 15 de novembro comeza a novena edición do proxecto de educación en valores “Activistas polo Mundo que Queremos”. A primeira cita levará ao equipo ata o IES Lauro Olmo (O Barco de Valdeorras, Ourense), un dos seis centros educativos que se suman este ano á loita pola defensa da igualdade de xénero, a tolerancia e o medio ambiente.

Nesta primeira toma de contacto no mes de novembro, máis de 400 estudantes achegaranse ao concepto de “activismo”, en torno ao que xira o proxecto, cun itinerario composto por sete obradoiros denominados “paradas”, que se desenvolverán ao longo de todo o curso. O obxectivo final consiste en formar unha cidadanía activa e crítica, que identifique e combata as ameazas arredor da convivencia.

O alumnado chamado a converterse en activista nesta novena edición repártese por toda Galiza, grazas a que os centros seleccionados sitúanse nas catro provincias IES Fonmiñá (A Pastoriza, Lugo), IES A Pinguela (Monforte de Lemos, Lugo), IES Alfonso X O Sabio, (Cambre, A Coruña), IES Lauro Olmo (O Barco de Valdeorras, Ourense), IES Aquis Celenis (Caldas de Reis, Pontevedra) e IES A Chapela (Vigo, Pontevedra).

Formación virtual e presencial

No seu percorrido dende o ano 2013, máis de 3.000 estudantes foron formados para adquirir unha ollada crítica que lles permita cuestionar situacións de desigualdade e actuar sobre elas para poñerlles freo.

Durante o curso pasado, os coidados fronte á pandemia obrigaron a empregar un modelo exclusivamente virtual, que levou á creación dunha aula á que profesorado e alumnado accederon en liña. A boa acollida dos contidos virtuais explica este ano a aposta por unha mestura de formatos con actividades en liña e presenciais.

Deste modo, das sete paradas que comezan o luns 15 de novembro, catro son presenciais e tres virtuais:

- Parada 1 (presencial). Novembro de 2021. Que significa ser activista? Primeiro obradoiro presencial para dar a coñecer o  proxecto, a  aula virtual e os conceptos cos que imos traballar: que significa a palabra activismo e as características das persoas activistas.

- Parada 2 (presencial). Decembro de 2021. Comunicación transformadora. Analizamos os medios de comunicación de masas dende unha perspectiva crítica e de cidadanía global. Coñecemos a importancia de crear canles alternativas de comunicación como a radio comunitaria. 

- Parada 3 (virtual). Xaneiro de 2022. Os activismos. A rapazada achégase ás principais desigualdades (medioambiental, feminista e contra o discurso do odio) e coñece as maneiras de actuar na súa contorna a nivel local contra problemas que teñen repercusión global.

- Parada 4 (virtual). Febreiro de 2022. Guións radiofónicos. Creamos os nosos guións radiofónicos sobre o activismo elixido. Traballo en aula do alumnado guiado polo profesorado a través da aula virtual. 

- Parada 5 (presencial). Febreiro de 2022. Obradoiro radio. Creamos os nosos programas de radio de combate.

- Parada 6 (virtual). Marzo de 2022. Outros contextos sociais. Distintas voces para unha mesma realidade. Coñecemos o labor de activistas que combaten diferentes desigualdades noutras partes do mundo.

- Parada 7 (presencial). Marzo e abril de 2022. Encontros con activistas do Sur. Persoas implicadas nas loitas contra as diferentes desigualdades tratadas co alumnado visitan os centros educativos e achegan os actuais desafíos e as ferramentas empregadas para combatelos.

Estas sete paradas son o froito da colaboración de tres ONGDs, que traballan coordinadas para desenvolver “Activistas polo Mundo que Queremos”: Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso) e Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP). Este proxecto forma parte da plataforma de innovación educativa Plan Proxecta, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade co financiamento da Xunta de Galicia.

Últimas novas