Comunicar implica expresar, denunciar, informar, acceder, rexeitar…
O mundo está cheo de iniciativas que pretenden, a través da comunicación, contribuír a producir cambios sobre as persoas.
Neste segundo taller, os mozos e mozas aprenden a facer uso de dúas ferramentas de comunicación: a radio e a fotografía.
Persoal cualificado acompaña ao alumnado durante unha sesión de dúas horas de duración para fomentar neles destrezas e habilidades que podan materializarse nunha proposta comunicativa que verá a luz ao finalizar o proxecto.
O presente proxecto ten como fío condutor a perspectiva da comunicación como elemento clave para o desenvolvemento dos pobos. O xornalista polaco Kapuscinski no seu libro Os cínicos non serven para este oficio, parte da necesidade de darlles voz ás persoas que non teñen voz no mundo. Pero non só carecen de voz as persoas doutros países e contextos. Como nos exclúen a nós os medios de comunicación locais, autonómicos e estatais? Non hai persoas mudas para os medios na nosa contorna?
Durante esta sesión, tomaremos como exemplo concreto as radios comunitarias, un medio de comunicación nacido como un servizo á comunidade e que entende a comunicación como un dereito de todas as persoas. Experiencias que xorden en todo o mundo cun fin común: atender as necesidades sociais, culturais e de comunicación específicas de grupos sociais; fomentar a participación cidadá e vertebrar o tecido asociativo.
Como non podería ser doutro xeito, “Cooperacion Galega; o mundo que queremos” centra a súa atención nun caso concreto impulsado por dúas ONGD galegas en El Salvador: radio Tehuacán.