Ir o contido principal
  • Teléfono: 981 24 35 06
  • Email: info@omundoquequeremos.org

De Camariñas a Redondela, mais de medio millar de estudantes converteranse no 2019 en activistas por un mundo máis xusto e solidario

De Camariñas a Redondela, mais de medio millar de estudantes converteranse no 2019 en activistas por un mundo máis xusto e solidario

Hoxe comeza unha gran aventura para os máis de 550 alumnos e alumnas galegas, que este ano participan cos seus centros no proxecto ‘Cooperación Galega: O mundo que queremos’.

O obxectivo desta iniciativa, que se enmarca dentro da Educación para a Cidadanía Global,  é que o alumnado coñeza as problemáticas que afectan aos países empobrecidos, pero tamén ao seu propio entorno, a través de dinámicas innovadoras como xogos de rol, obradoiros de radio e vídeo, teatro, ou a visita ás súas escolas de persoas que traballan para mellorar as condicións de vida nos seus países co apoio da Cooperación Galega. 

A participación do alumnado na procura de solucións ante estas problemáticas tamén é unha pedra angular de O Mundo Que Queremos, que porá a súa disposición distintas ferramentas para que eles e elas contribúan á loita contra a desigualdade global e local, creando as súas propias mensaxes e levando a cabo accións de visibilización e denuncia.

O Mundo que Queremos leva xa seis anos achegando a realidade dos países do Sur ao alumnado de secundaria, grazas a unión de cinco ong: Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Galega de Reporteir@s Solidari@s (Agareso), Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP), Educo, e o colectivo 100Tolas, coa financiación do Plan Proxecta da Xunta de Galicia.

Nesta sexta edición, os centros educativos que se suman a aventura son, o IES Plurilingüe Pedra da Aguia de Camariñas, o IES Sofía Casanova de Ferrol, o IES Campo San Alberto de Noia e o CPI Zas na provincia de A Coruña. A representación pontevedresa estará a cargo dos centros IES A Chapela de Redondela, e o CPI A Cañiza e na provincia de Lugo participarán o CPI Luis Diaz Moreno de Baralla e o CPI Dr López Suarez en O Saviñao.

Durante este mes de decembro terá lugar a primeira parada de O Mundo que Queremos. Dinámicas como os xogos de rol facilitarán o debate e a reflexión sobre temas como a desigualdade de xénero, o desenvolvemento sostible, ou a corresponsabilidade… A segunda e terceira parada xa chegarán nos meses de xaneiro e febreiro, cos obradoiros de radio e vídeo. No mes de marzo o alumnado porase na pel dunha muller migrante, grazas a técnica do Teatro Foro. En abril recibirán a visita de dúas persoas que traballan dende os seus paises para transformar a realidade. A través das súas experiencias vitais contaranlle ao alumnado como loitan contra a desigualdade dende as súas comunidades e intentarán desmontar moitos dos prexuízos que existen sobre os países empobrecidos.

A traca final será a presentación de todo o traballo feito durante o ano nos diferentes concellos dos centros educativos no mes de maio. Estas presentacións teñen o obxectivo de amplificar as mensaxes elaboradas polo alumnado e convidar ao resto da comunidade a coñecelas e tomar partido.

“Cooperación Galega: O mundo queremos” é un proxecto financiado pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, e que forma parte da plataforma de innovación educativa ‘Plan Proxecta’, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

CALENDARIO DE SESIÓNS EN DECEMBRO

  • Hoxe 17 de decembro: inauguramos O Mundo que Queremos 2018/19 no IES A Chapela de Pontevedra de 16h a 21:30h.
  • 18 de decembro:  IES Plurilingue Pedra Da Aguia de Camariñas de 8:45h a 12:25h
  • 19 de decembro: IES Sofia Casanova de Ferrol de 8:30h 14:10h e CPI Zas de 11:15h a 14:55h.
  • 20 de decembro: CPI Luis Diaz Moreno en Baralla de 12:55h -14:35h

VIDEO-RESUMO DE O MUNDO QUE QUEREMOS DA PASADA EDICIÓN

Últimas novas