Ir o contido principal
  • Teléfono: 981 24 35 06
  • Email: info@omundoquequeremos.org

Feminismo, conciencia ambiental e tolerancia: o alumnado define o seu camiño

Feminismo, conciencia ambiental e tolerancia: o alumnado define o seu camiño

A segunda parada do proxecto de educación en valores “Activistas polo Mundo que Queremos” espertou en decembro interesantes debates dentro das aulas en torno ao papel da comunicación como axente de transformación social. Lonxe de ficar indiferentes ás ameazas que sobrevoan a sociedade na que viven, as e os estudantes galegos participantes neste programa declaráronse en loita pola igualdade entre homes e mulleres, en defensa do medio ambiente e amosaron o seu rexeitamento cara o discurso do odio. O obradoiro de Comunicación Transformadora constitúe o segundo dos sete pasos iniciados en outubro polo proxecto, que pon nas mans da mocidade ferramentas coas que cuestionar a realidade na que viven, desenvolver a súa capacidade para buscar solucións, así como  protexer a convivencia e un modo de vida máis sustentable.

Nesta ocasión, o equipo de “Activistas polo Mundo que Queremos” desprazouse aos Institutos de Educación Secundaria Lauro Olmo (O Barco de Valdeorras, Ourense), Alfonso X O Sabio (Cambre, A Coruña), Aquis Celenis (Caldas de Reis, Pontevedra) e Chapela (Vigo, Pontevedra). No mes de xaneiro, coa volta ás clases, este obradoiro completará a súa andaina nos centros restantes: o IES Fonmiñá (A Pastoriza, Lugo) e o IES A Pinguela (Monforte de Lemos, Lugo).

Caladoiro de ideas

Deste xeito, pecharase a segunda parada, encargada de presentar ao alumnado os tres activismos: feminista, medioambiental e contra o discurso do odio. Para facelo posible, esta parte do proxecto propón unha análise dos contidos presentes nos medios de comunicación, na publicidade, nas redes sociais e na industria audiovisual, aos que teñen aceso as e os máis novos. A continuación, propónselles a adquisición dunha ollada crítica que lles impida reproducir estereotipos de xénero, así como condutas discriminatorias, intolerantes ou daniñas para o planeta.

Este paso do proxecto bríndalles a oportunidade de sumarse a un dos tres activismos para lograr na súa contorna unha igualdade real entre xéneros, uns hábitos de consumo sostibles e respectuosos co medio ambiente ou o fin do racismo ou a LGTBIfobia. “Activistas polo Mundo que Queremos” ponse en marcha para lograr cambios a nivel local que permitan combater esas grandes afrentas a nivel global. É por iso que o proxecto incorpora a radio como medio para facilitar a identificación desas temáticas na comunidade escolar, o seu tratamento e a súa difusión para levar mensaxes de cambio a toda a contorna.

Unha vez divididos en grupos, cada un deles afondará a través da parada 3 no activismo escollido. Esa parada, virtual e a realizar no mes de xaneiro, brindará ideas ás que despois darlle forma na parada 4, tamén virtual, destinada a elaborar o guión de radio.

Deste modo, das sete paradas que comezaron o día 15 de novembro, quedan aínda cinco por diante, que son as seguintes:

- Parada 3 (virtual): Afondamos nos activismos medioambiental, feminista e contra o discurso do odio a través da aula virtual..

- Parada 4 (virtual): Guións radiofónicos. Traballo en aula do alumnado guiado polo profesorado a través da aula virtual.

- Parada 5 (presencial): Obradoiro radio. Gravamos os nosos programas de radio de combate.

- Parada 6 (virtual): Outros contextos sociais. Distintas voces para unha mesma realidade. Coñecemos o labor de activistas que combaten desigualdades noutras partes do mundo.

- Parada 7 (presencial): Encontros con activistas do Sur.


Activistas polo Mundo que Queremos” é un proxecto que nace da unión de tres ONGDs: Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso) e Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP). Esta proposta educativa forma parte da plataforma de innovación ‘Plan Proxecta’, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade co financiamento da Xunta de Galicia.

Últimas novas