25 de marzo. Santiago. Máis de cincocentos mozas e mozos que forman parte do proxecto de Educación para o cambio social Activistas polo O Mundo Que Queremos recibirán durante os próximos 15 días a visita de dúas activistas salvadoreñas que loitan día a día contra a desigualdade de xénero a través da música hip hop. Son integrantes do colectivo Hip Hop Femenino El Salvador a primeira organización de mulleres rapeiras no país.
O obxectivo deste encontro entre alumnado dos institutos de O Barco de Valdeorras, Cambre, Pastoriza, Redondela, Caldas de Reis e Monforte é que os mozos e mozas coñezan a loita destas mulleres que pertencen a un colectivo co que traballa a cooperación internacional galega, e que reflexionen sobre a realidade dos países empobrecidos a través da voz das súas protagonistas.
Hip hop Femenino El Salvador fundouse no 2015 e ao longo destes anos foi forxando fortes lazos co movemento feminista, traballando con diferentes organizacións en actividades dedicadas á muller e á defensa dos dereitos humanos, especialmente Dereitos Sexuais e Reprodutivos. As mozas rapeiras integrantes deste colectivo que visitarán a nos aterra son Yezli Mic e Queen Mc.
Yezli Mic (@yezli_mic) é cantante, compositora, activista e feminista. Leva 8 anos pertencendo á Cultura HIP- HOP como MC ( Rapeira).
QueenMc (@queen_rap_) é compositora, cantante e activista. Ten 19 anos. As súas letras baséanse nas realidades sociais que enfrontan as mozas do seu país, a visibilizacion dos dereitos humanos e o empoderamento da muller.
Como integrantes de HIP HOP FEMININO O SALVADOR adícanse a dar charlas, obradoiros e concertos para visibilizar os Dereitos Humanos, as loitas sociais, e os diferentes tipos de violencia cara á muller, mostrando o HIP HOP como unha ferramenta para o activismo e a promoción da cultura de paz.
Ademais de realizar charlas en centros educativos, tamén acudirán á Facultade de Ciencias da Comunicación da USC e á de Ciencias da Educación da UdC, impartirán un Obradoiro de hip hop, reuniranse co voluntariado das organizacións que participan en Activistas polo mundo que queremos, e cos representantes de Cooperación Galega, financiadores deste proxecto.
As ONGD galegas traballan man a man con organizacións salvadoreñas para poder contribuír a xerar as condicións necesarias para que a cidadanía se empodere e se organice na procura do seu propio desenvolvemento para equilíbrar os niveis de desigualdade estrutural que se dan neste momento.
En obradoiros anteriores o alumnado aprendeu o que significa ser unha persoa activista tanto na Galiza coma noutras partes do mundo. Tamén reflexionou sobre como as ferramentas comunicativas como a radio, pódenlles axudar no seu activismo realizando os seus propios programas de radio de denuncia. Agora coñecerán a dúas activistas que dende a música intentan cambiar a súa realidade.
Esta é a novena edición dun proxecto que en anos anteriores xa chegou a máis de 3.500 mozos e mozas de toda Galicia e que é posible grazas a unión de tres ONGDs, Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso) e Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) e ao financiamento da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE.
Forma parte da plataforma de innovación educativa ‘Plan Proxecta’, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Parte importante deste traballo é a propia difusión, así que dende Activistas polo Mundo que Queremos convidamos aos medios de comunicación a que compartan esta información. Se queredes acudir ás sesións presenciais onde se realizarán as charlas por favor, comunicádevos previamente con nós, para que avisemos aos centros educativos.
AXENDA DA VISITA DAS ACTIVISTAS
MÉRCORES 30 DE MARZO
• 10h55-12:30h: Charla no Auditorio Municipal de Caldas de Reis para o alumnado do IES Aquis Celenis
• 16h a 20h: Participación no Seminario de Comunicación Social e Cooperación na Universidade de Santiago de Compostela
XOVES 31 DE MARZO
• 10:35h - 14:15h: Charla para o alumnado do IES Fonmiñá na Pastoriza ( Lugo)
VIERNES 1 DE ABRIL
• Reunión coa Concelleira de Benestar social do Concello de Lugo
SÁBADO 2 DE ABRIL
• 20h. Concerto en Catoira. Bar O Galeón Vikingo
LUNS 4 DE ABRIL
• Charla para o alumnado do IES Lauro Olmo (O Barco de Valdeorras). Pendente confirmación de horario
MARTES 5 DE ABRIL
• 16:50h a 18:30h Charla para o alumnado do IES Chapela de Redondela.
MÉRCORES 6 DE ABRIL
• 12:35H a 14:15H Charla para o alumnado do IES A Pinguela de Monforte de Lemos
XOVES 7 DE ABRIL
• 10:30H Encontro con responsables de Cooperación Galega da Xunta de Galicia. Santiago
• 18:00h Obradoiro de rap para mozos e mozas no Concello de Cambre
VENRES 8 DE ABRIL
• 12:30h - 14:10h Charla para o alumnado do IES Afonso X de Cambre
Para máis información:
María Caride (coordinadora do proxecto): 981 243 506 / 626 913 681
Rocío Cadahía (responsable comunicación): 605 31 60 39
Correo electrónico: omqq@agareso.org
Páxina web: http://omundoquequeremos.org/