Ir o contido principal
  • Teléfono: 981 24 35 06
  • Email: info@omundoquequeremos.org

Mozos e mozas de Ares usan a radio para loitar contra as inxustizas

obradoiro no CPI AS MIRANDAS

Mozos e mozas de Ares usan a radio para loitar contra as inxustizas

CPI As Mirandas

Os mozos e mozas de 1º da ESO do CPI As Mirandas en Ares adicarán  parte da mañá do próximo mércores 19 de maio a facer dende as súas aulas programas de radio para combater o machismo, o consumismo e o racismo, tres das principais lacras que asolan a nosa sociedade.

Dende Vigo a Vilagarcía, de Castroverde a Vilaboa, pasando por Baiona e agora tamén Ares case cincocentos mozos e mozas participan este ano no proxecto de educación en valores "Activistas polo mundo queremos" no que se encadra esta actividade.

En obradoiros anteriores os alumnos e alumnas aprenderon o que significa ser unha persoa activista tanto na Galiza coma noutras partes do mundo, grazas ás charlas virtuais que mantiveron con activistas dominicanas e salvadoreñas. Tamén reflexionaron sobre como as ferramentas comunicativas, como a radio, pódenlles axudar no seu activismo. 

Tras unhas semanas adicadas a investigar e facer os guións das súas reportaxes, o mércores gravarán os seus propios programas de radio de denuncia e transformación social. O xoves pasado xa o fixeron os seus compañeiros e compañeiras de 2º da ESO,  que abordaron temáticas de actualidade  como os dereitos LGTBI, a loita contra o racismo e o machismo dende a nosa propia contorna ou o coidado medio ambiental.  Para comprender mellor todas estas realidades fixeron entrevistas a expertos e activistas,  como o biólogo e veciño de Ares  Javier Cristobo,  que formou parte de varias expedición a Antártida, o activista LGTBI Jon Rodriguez, ou a cooperante e defensora dos dereitos das mulleres en Uganda, Cristina Correa, entre outras… Todos os programas radiais  poderán ser escoitados nos vindeiros días no podcast de Activistas polo mundo que queremos.

Os centros que participan este ano no proxecto son ademáis do CPI As Mirandas en Ares o CPI Plurilingüe de Castroverde (Lugo) e na provincia de Pontevedra, o IES Primeiro de Marzo de Baiona, o IES Miguel Ángel González Estévez de O Carril en Vilagarcía de Arousa, o CPI do Toural de Vilaboa, e CPR Rosalía de Castro en Vigo.

Esta é a oitava edición dun proxecto que iniciou no mes de xaneiro e que anos anteriores xa achegou estas cuestións a máis de 3.000 alumnos e alumnas de toda Galicia. Este ano por mor da pandemia o proxecto incluíu unha forte aposta pola educación virtual, mesturando as sesións presenciais ( como o obradoiro de radio)  coas online a través dunha aula Moodle. 

"Activistas polo mundo queremos" faise posible grazas a unión de tres ONGDs, Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso) e Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) e ao  financiamento da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE.

Forma parte da plataforma de innovación educativa ‘Plan Proxecta’, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.