A importancia do monte comunal e o ben común, a organización veciñal como ferramenta de participación, ou a fauna e a flora da zona son algunhas das temáticas que os propios veciños lles explicaron.
O alumnado do IES Fonmiñá da Pastoriza recorreu o venres pasado a súa contorna para descubrir as potencialidades que esta agocha, como peche do proxecto de educación para o desenvolvemento Cooperación Galega: O mundo que queremos no que todo o centro participou durante o curso.
Os case sesenta alumnos e alumnas do instituto da Pastoriza visitaron varios puntos da zona norte do seu propio concello, ata o de agora moi descoñecidos para a maioría, pero que pola súa especial orografía fai que a veciñanza traballe de xeito mais cohesionado e cunha perspectiva mais comunitaria.
A primeira visita foi Xemil onde os mozos e mozas reflexionaron e descubriron a importancia do monte comunal como ben común para a zona, e como os veciños e veciñas se organizan de maneira asemblearia para mantelo e facer fronte a reivindicacións conxuntas.
A seguinte parada consistiu nunha pequena andaina pola zona de Cadabedo, onde o alumnado, acompañado tamén polos veciños da zona, identificou especies de flora e fauna autóctona, e coñeceu as súas peculiaridades climatolóxicas. Tamén a importancia de teren pistas e carreiros limpos para previr os incendios e de como a veciñanza traballa conxuntamente neste senso.
O último punto que estaba previsto, a visita o Alto do Fiouco, tivo que suspenderse por mor da pecha néboa que lles acompañou durante toda a mañá.
Xa de volta o instituto participaron no xogo “A árbore da vida” para comprender o equilibrio existente entre as distintas forzas da natureza e o importante papel que xoga o ser humano no mantemento do mesmo.
O obxectivo de O Mundo que Queremos é crear cidadanía crítica, participativa, e dotar o alumnado de capacidade para analizar e incidir na súa realidade. Durante todo o curso os mozos e mozas do instituto recibiron diversas visitas que lles axudaron a afondar en torno a temáticas como o respecto á natureza, a igualdade de xénero ou a corresponsabilidade. Con esta última actividade os alumnos e alumnas ademais de coñecer a súa contorna, descubriron o beneficio do traballo comunitario no rural, e formas de participación asemblearia.
O mundo que queremos, forma parte do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, e nesta quinta edición levouse a cabo grazas a unión de cinco ong´s: Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Galega de Reporteir@s Solidari@s (Agareso), Educo, Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) e o colectivo 100Tolas, que traballan conxuntamente para fomentar una xuventude máis critica, responsable e participativa.