Ir o contido principal
  • Teléfono: 981 24 35 06
  • Email: info@omundoquequeremos.org

Os motores da novena edición xa están en marcha

Encontro co profesorado dos centros seleccionados para o OMQQ

Os motores da novena edición xa están en marcha

A novena edición do proxecto de educación en valores Activistas polo mundo que queremos comezou esta fin de semana a quentar motores. O profesorado dos seis centros educativos participantes este curso reuníronse este sábado en Santiago de Compostela para coñecer os detalles deste proxecto, que fomenta a participación do alumnado nunha cidadanía activa. Máis de 400 rapaces e rapazas aprenderán ferramentas coas que converterse en Activistas polo Mundo que Queremos.

Os centros educativos que se suman ao proxecto este ano son o IES Fonmiñá (A Pastoriza, Lugo), IES A Pinguela (Monforte de Lemos, Lugo), IES Alfonso X O Sabio, (Cambre, A Coruña), IES Lauro Olmo (O Barco de Valdeorras, Ourense), IES Aquis Celenis (Caldas de Reis, Pontevedra) e IES A Chapela (Vigo, Pontevedra).

Ollada crítica

Será a novena edición dun proxecto que chegou desde 2013 a máis de 3.000 alumnos e alumnas co fin de formar neles e nelas unha ollada crítica que lles permita combater as desigualdades que detectan na súa contorna.

A crise sanitaria obrigou o ano pasado a poñer en marcha unha aula virtual para facer fronte as restricións derivadas da pandemia de covid-19. Esta edición aposta de novo por mesturar os formatos presencial e en liña empregados no curso anterior debido á melloría da situación e tamén da boa acollida da aula virtual entre o alumnado.

Activistas polo mundo queremos é un proxcto que nace da unión de tres ONGDs: Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso) e Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP), co financiamento da Xunta de Galicia. Forma parte da plataforma de innovación educativa ‘Plan Proxecta’, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Últimas novas