Os case catrocentos mozos e mozas que este ano participan no proxecto recibirán neste mes de marzo a quinta parada de ACTIVISTAS POLO MUNDO QUE QUEREMOS na que realizarán programas de radio para loitar contra o machismo, os abusos ambientais ou o discurso de odio contra a migración e o colectivo LGTBIQ+.
En obradoiros anteriores o alumnado aprendeu o que significa ser unha persoa activista tanto na Galiza coma noutras partes do mundo. Tamén reflexionaron sobre como as ferramentas comunicativas como a radio, pódenlles axudar no seu activismo. Agora os mozos e mozas, como se fosen auténticos xornalistas, tras moita investigación e despois de recoller e organizar toda a información atopada nos guións das súas reportaxes, locutarán e gravarán en “falso directo” os seus propios programas de radio de denuncia e transformación social.
Activistas polo mundo queremos é un proxecto de educación para a cidadanía global que xa chegou a máis de de 4800 mozos e mozas e 273 docentes de toda Galicia, e que é posible grazas a unión de tres ONGDs, Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso) e Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) coa colaboración de Feitoría Verde e o financiamento da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia. Forma parte da plataforma de innovación educativa ‘Plan Proxecta’, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Asunto