Centos de mozos e mozas que participan no proxecto educativo Activistas polo mundo que queremos, realizarán estas semanas podcast radiofónicos dende os seus centros educativos
Santiago, 22 de febreiro de 2021. Dende Vigo a Castroverde, de Ares a Vilagarcía pasando por Vilaboa e Baiona, case cincocentos mozos e mozas que participan este ano no proxecto de educación en valores "Activistas polo mundo queremos" realizarán durante estas semanas podcast dende a súa aula para combater o machismo, o consumismo e o racismo, tres das principais lacras que asolan a nosa sociedade.
En obradoiros anteriores os alumnos e alumnas aprenderon o que significa ser unha persoa activista tanto na Galiza coma noutras partes do mundo, grazas ás charlas virtuais que mantiveron con activistas dominicanas e salvadoreñas. Tamén reflexionaron sobre como as ferramentas comunicativas, como a radio, pódenlles axudar no seu activismo.
Nos vindeiros días os mozos e mozas, tras investigar e facer os guións das súas reportaxes, gravarán os seus propios programas de radio de denuncia e transformación social onde abordarán temas de actualidade como os parques eólicos da serra da Grova e do Galiñeiro, o racismo nas aulas, entrevistarán a coñecidas escritoras feministas como Eli Ríos…
O IES Primeiro de Marzo, de Baiona, será o primeiro centro que gravará os seus podcast mañá martes as 12:20h. O mércores será a quenda do IES Miguel Ángel González Estévez de O Carril (Vilagarcía de Arousa). Nas seguintes semanas irán gravando o resto dos centros educativos que este ano participan no proxecto: o CPI As Mirandas en Ares (A Coruña), o CPI Plurilingüe de Castroverde (Lugo) o CPI do Toural de Vilaboa ( Pontevedra) e CPR Rosalía de Castro de Vigo.
Esta é a oitava edición dun proxecto que iniciou no mes de xaneiro e que anos anteriores xa achegou estas cuestións a máis de 3.000 alumnos e alumnas de toda Galicia. Este ano por mor da pandemia o proxecto inclúe unha forte aposta pola educación virtual, mesturando as sesións presenciais ( como o obradoiro de radio) coas online a través dunha aula Moodle.
"Activistas polo mundo queremos" faise posible grazas a unión de tres ONGDs, Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso) e Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) e ao financiamento da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE.
Forma parte da plataforma de innovación educativa ‘Plan Proxecta’, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Parte importante deste traballo é a propia difusión, así que dende Activistas polo Mundo que Queremos convidamos aos medios de comunicación a que compartan esta información para darlle voz aos mozas e mozos, verdadeiros protagonistas deste proxecto. Se queredes acudir ás sesións presenciais onde gravarán os podcast, por favor, comunicádevos previamente con nós, para que avisemos aos centros educativos.
CALENDARIO DAS PRÓXIMAS SESIÓNS PRESENCIAIS
Para máis información:
María Caride (coordinadora do proxecto): 981 243 506 / 626 913 681
Rocío Cadahía (responsable comunicación): 605 31 60 39
Correo electrónico: omqq@agareso.org
Páxina web: http://omundoquequeremos.org/