Todo o mundo sabe o que é a publicidade. Está por todas partes! queiramos ou non queiramos, cada día recibimos decenas, centos de impactos publicitarios. Na rúa ou no autobús a través de vaias ou de carteis, na radio, na tele, no móbil e incluso nas nosas redes sociais. Forma parte da nosa vida, e sen que nos demos conta está influenciando a nosa forma de pensar. E sobre todo de mercar!!
Na última sesión do noso proxecto as nosas e os nosos activistas puideron comprobar como a publicidade nos seduce con diversas estratexias para que merquemos sen parraaaarrr…moitas veces cousas que nin precisamos nin realmente nos serven para nada.
Como o fan? Apelan directamente ás nosas emocións a través de sons, imaxes e discursos. Véndennos luxo para vender un perfume, ou aventura para vender un coche, ou o corpo da muller para vender…calquera cousa!
Pero non nos quedamos aí, unha vez que descubrimos como traballa a publicidade, puxémonos mans a obra para combatela con contrapublicidade. Pero, que é isto exactamente?
Fartos de tantos abusos e mentiras por parte dalgúns anunciantes, algunhas persoas e colectivos deciden facer contrapublicidade. É unha estratexia que pretende denunciar o consumismo, a falta de preocupación pola natureza, o traballo escravo, os estereotipos machistas, homófobos ou racistas que se ven nalgúns anuncios, etc. Consiste en modificar os anuncios publicitarios co obxectivo de difundir outras ideas máis reivindicativas, normalmente opostas ás orixinais.
Así que as nosas e os nosos activistas estiveron utilizando as súas dotes máis creativas para pensar e deseñar carteis contrapublicitarios coas marcas que “peor” lles caen. Estas son algunhas das súas propostas. A que son xeniais?