Ir o contido principal
  • Teléfono: 981 24 35 06
  • Email: info@omundoquequeremos.org

Un encontro virtual sobre o papel da radio comunitaria e educativa durante a pandemia pecha as actividades de O Mundo que queremos

Un encontro virtual sobre o papel da radio comunitaria e educativa durante a pandemia pecha as actividades de O Mundo que queremos

As radios comunitarias en todo o mundo tiveron e están tendo un papel destacado durante esta pandemia. Non solo están loitando por informar da mellor forma sobre o coronavirus, senón que  tamén en moitos países latinoamericanos  as ondas hertzianas están a superar a brecha dixital e  seguen levando a educación a moitos lugares onde o internet ou as computadoras non chegan. Co confinamento, quizais sen sabelo, volve a radio comunitaria o seu orixe, se consideramos como a primeira experiencia de radio comunitaria a Radio Sutatenza, unha radio colombiana que xa polos anos 40 se dedicaba a impartir clases a través das ondas para levar a educación aos pobos campesiños mais afastados. A radio sempre chega onde outros non poden.

Pero tamén aquí en Galicia, a radio educativa nos axudou a sentirnos máis preto e houbo ata programas de radio feitos por mozos e mozas, que naceron froito do confinamento. É o caso da Radio Xuntos, do CPI Doctor López Suárez de Escairón, que tras recibir durante dous anos consecutivos o obradoiro de radio de O mundo que queremos, decidiron superar a distancia e compartir sentimentos a través do medio radiofónico,  e así crearon o seu propio podcast. Que orgullosas nos sentimos!

Todo isto, e moito mais, foi o que compartimos no encontro final de O mundo que queremos deste ano, no que decidimos falar da Radio comunitaria como recurso educativo durante a pandemia.

Así que o pasado mércores 17 de xuño, as ONGDs que formamos parte de O Mundo que queremos, Solidariedade Internacional de Galicia, Asemblea de Cooperación pola paz e Agareso, convidamos a alumnado e a profesorado para charlar sobre a radio comunitaria. Como o encontro foi virtual ( como esixen os tempos) puidemos contar tamén coa presenza de Mercy Mulato, xornalista, activista e feminista salvadoreña, que forma parte da radio comunitaria “A Radio de todas” no Salvador, e que nos contou, entre outras cousas,  o intenso traballo que dende a radio levan a cabo para defender os dereitos das mulleres no seu país, sensibilizando dende as ondas á sociedade e empoderando ás mulleres que realizan os programas radiais ( Se queredes coñecer mellor esta radio podedes descargarvos o noso Dossier da visita do sur).

Tamén coñecemos ao equipo que forma parte dunha das radios educativas pioneiras de Galicia, Falamelide, do IES Melide que leva funcionando dende os anos 90,  e que nos contaron como nos seus inicios, a radio constituía un lugar de encontro entre profesorado e alumnado con asembleas multitudinarias e moita participación. Agora a radio ten que competir no centro con outras opcións, pero aínda así, segue sendo impulsada por un grupo de mestres que a integran nas súas aulas. Ata unha audionovela matemática fixeron!

En fin, un encontro moi participado onde escoitamos a profes e a profas, a alumnos e a alumnas, a persoas das ONGDs dende Galicia e dende O Salvador, ao máis puro estilo de O Mundo que queremos, que xa sabedes que é un proxecto de educación para a Cidadanía Global que pretende levar ás aulas galegas as realidades dos paises do Sur.

Con este bonito encontro onde aprendemos, compartimos e nos volvemos a ver as caras, aínda que fora a través das pantallas, puxemos fin as actividades deste ano de O Mundo que queremos.  Unha sétima edición estraña, na que nos tivemos que adaptar a os tempos e as esixencias dunha pandemia que nos pillou a todos e todas por sorpresa. Pero non hai sétima sen oitava, e xa estamos traballando para unha nova edición de O Mundo que queremos, na que xa vos adiantamos, que haberá sorpresas!!!

Ata pronto!!!

Últimas novas