Remata o mes de abril e con el remata tamén a parada 5 do noso proxecto, os obradoiros radiofónicos a través dos cales os nosos e as nosas activistas convertéronse en xornalistas e locutores da radio de combate de ACTIVISTAS POLO MUNDO QUE QUEREMOS!
Os mozos e mozas chegaron a parada 5 despois de recabar moita información sobre o activismo medio ambiental, o activismo feminista e LGTBIQ+ e o activismo antirracista, a través dos distintos itinerarios da nosa aula virtual. Así que chegados a este punto xa coñecían que motivos non lles faltaban para indignarse. A indignación, sen dúbida é o primeiro paso, pero non podemos quedar aí. Precisamos pasar a acción. Que facer entón para cambiar unha realidade que nos parece inxusta?
Como activista existen multitude de cousas que se poden facer, pero a nosa proposta foi a Radio de combate!!!
E que é isto de radio de combate? Existen 3 tipos de radios:
As radios públicas que dependen dos gobernos, é dicir do partido político que nese momento estea no goberno.
As radios comerciais ou privadas, que son empresas e polo tanto teñen como obxectivo gañar cartos.
E por último as radios comunitarias, tamén chamadas radios alternativas, radios educativas, radios libres, ou radios de combate. O obxectivo destas radios non é gañar cartos senón utilizar a forza da radio para mellorar as cousas, para que a xente cando nos escoite, aprenda ou se conciencie sobre determinadas cuestións.
Así que os nosos mozos e mozas puxéronse mans a obra e comezaron a investigar. Houbo de todo e a verdade e que estamos moi impresionadas coa calidade da maioría das propostas presentadas.
Enquisas e reportaxes sobre o racismo (como as que fixeron no CPI Plurilingüe de Castroverde) entrevistas a escritoras famosas como a feminista Eli Ríos ou a xornalista viguesa Andrea Ávila sobre a situación das persoas migrantes na valla de Melilla ( realizadas polo alumado do IES Primeiro de Marzo de Baiona). Reportaxes sobre a protectora de animais de Carril ou sobre o colectivo LGTBIQ+ ( feita no IES Miguel Ángel González Estévez). No CPI do Toural de Vilaboa entre outras moitas cousas presentaron a testemuña de Celeste Gómez que nos falou de migración e xitanofobia, entrevistaron o concelleiro de medio ambiente e tamén houbo tempo para falar sobre as industrias máis contaminantes. E no CPR Rosalia de Castro de Vigo investigaron sobre o consumismo, a eucaliptización de Galicia e incluso conseguiron facerlle unha entrevista a Abel Caballero, o alcalde de Vigo, para falar das propostas de cara a igualdade de xénero que ten o Concello.
Todo isto e moitas máis historias que podedes descubrir dende xa na canle de ivoox de Activistas polo mundo que queremos!