Cinco centros educativos participaron no 2013-2014 na primeira edición deste proxecto, e a través das súas enerxías e ganas, traballaron nas distintas actividades que lles propuxemos. Aquí tedes un resumo en imaxes do mesmo.
Deixámosvos tamén un pequeno resumo do traballo feito nos obradoiros de radio e de fotografía.
OS CENTROS PARTICIPANTES NA I EDICIÓN DE O MUNDO QUE QUEREMOS
CPI Virxe da Cela (Monfero)
Centro público Integrado pertencente ao concello de Monfero, na zona rural da provincia de A Coruña. Trátase dun dos centros de ensino de referencia no traballo da educación para o desenvolvemento, non só en Galicia, senón tamén no conxunto do Estado. O seu proxecto Monferosolidario foi recoñecido no ano 2009 co Premio Nacional de educación para o desenvolvemento na súa primeira edición.
www.edu.xunta.es/centros/cpivirxedacelamonfero
cpivirxedacelasolidario.blogspot.com.es
IES Carlos Casares (Viana do Bolo)
Instituto de Viana do Bolo pioneiro no traballo da Educación para o Desenvolvemento no conxunto do Estado e referente indiscutible en Galicia a través da experiencia “A senda da convivencia”. Este programa, iniciado no curso 2001-2002 vertebra un traballo da solidariedade a tres niveis: convivencia e tratamento dos conflitos internos do propio centro, a actividade de voluntariado no contorno máis inmediato e a aproximación á convivencia no mundo a través do irmandamento coa Unidade Educativa Timoteo Rondales da localidade boliviana de Bermejo.
www.edu.xunta.es/centros/iescarloscasaresviana
IES Eduardo Blanco Amor (Ourense)
Instituto da cidade de Ourense que entende a Educación para o Desenvolvemento dende o desenvolvemento integral das persoas. O IES Blanco Amor ten experiencia de traballo con Solidariedade Internacional de Galicia no proxecto O Tesouro de Acahualinca.
www.edu.xunta.es/centros/ieseduardoblancoamor
IES Melide (Melide)
Centro educativo do rural galego no que se traballa a comunicaicón educativa a a través da súa radio ‘Fala Melide’ e do xornal escolar Intres que xa ten trinta anos de vida. Na radio do IES Melide contan actualmente con oito programasdiferentes, algúns de periodicidade semanal, outros quincenal. Ademais da programación estable, tamén producen programas especiais sobre algunha temática concreta.
www.edu.xunta.es/centros/iesmelide
IES Eduardo Pondal (Santiago de Compostela)
Situado en Santiago de Compostela, leva formando parte da Rede Solidaria da Mocidade Fundación Entreculturas dende o ano 2008.
centros.edu.xunta.es/ieseduardopondal
www.entreculturas.org/red_de_jovenes/galicia
VISITA DO SUR: RADIO TEHUACÁN DO SALVADOR
No mes de abril, o alumnado recibiu a visita de tres integrantes de Radio Tehuacán, unha radio comunitaria de O Salvador. Yasmin, José Manuel e Iris explicaron ao alumnado o seu traballo como voluntarios nesta emisora e como, xunto a 13 rapaces e rapazas do seu pobo, colaboran todos os días para que a grella da emisora estea chea de contidos . Programas sobre protección medioambiental, sobre equidade de xénero, un informativo local, un programa deportivo e diferentes espazos musicais integran a programación desta pequena radio de propiedade comunitaria que emite día a día só polo esforzo do seu voluntariado. Yasmin é a directora da emisora, José Manuel o encargado de programación e Iris unha das voluntarias máis activas.