Ir o contido principal
  • Teléfono: 981 24 35 06
  • Email: info@omundoquequeremos.org

Grecia Villalobos, un exemplo de compromiso e loita polos dereitos das persoas LGTBI no Salvador

Grecia Villalobos, un exemplo de compromiso e loita polos dereitos das persoas LGTBI no Salvador

IES Miguel Ángel González Estévez

Seguimos na nosa terceira parada coñecendo a mulleres activistas que loitan por mellorar o mundo. Nesta ocasión os nosos e as nosas activistas de 3º do IES Miguel Ángel González Estévez de O Carril en Vilagarcía de Arousa, acompañados polas súas profesoras, salvaron os problemas técnicos e a distancia,  para poder charlar durante dúas horas con Grecia Villalobos, unha muller comprometida coa loita polos dereitos LGTBI no Salvador.

Grecia forma parte de COMCAVIS TRANS unha das principais ONGs do país que dan soporte de moitas maneiras (educativa, xurídica, psicolóxica…) ao colectivo LGTBI. Contounos como estas persoas en moitas ocasións non poden acceder á educación, á saúde,  ou á maioría de postos de  traballo “Eu son docente pero non se me permite exercer no meu país. Non se nos permite, especialmente ás mulleres trans, acceder a moitos postos de traballo polo que moitas acaban adicándose ao traballo sexual, enfrontando moita violencia”.

Charla con Grecia VillalobosExplicou aos mozos e ás mozas como no Salvador non se respectan os dereitos humanos das persoas LGTBI, especialmente das mulleres trans, que viven tendo que facer fronte a moito machismo, condicionamentos relixiosos que os condenan, e violencia tanto por parte da sociedade, como da policía e dos tribunais de xustiza “Agora mesmo estamos moi consternadas porque unha das mulleres do noso colectivo leva desaparecida dende o mes de decembro· É duro pero necesitamos seguir traballando porque, aínda que nos defraudemos moitas veces, para moitísimas persoas somos unha vía de esperanza”.

Grecia, que sempre soñou con acabar adicándose á defensa das mulleres LGTBI, é un exemplo de compromiso e paixón polo seu traballo e así llo compartiu ao alumnado “Cando comecei a miña transición foi difícil porque a miña familia é moi relixiosa. Tiven que afastarme por un tempo. Perdín o meu traballo. Agora, por sorte, teño un pouco máis de comprensión por parte da familia, e traballando en COMCAVIS TRANS, síntome moi plena”

Tamén respondeu ás moitas preguntas e dúbidas do alumnado de Carril e invitounos a seguir apostando polo activismo nas súas vidas. Todo un exemplo de loita, coraxe e compromiso que o alumnado do CPR Rosalía de Castro de Vigo  terá a sorte de coñecer nos vindeiros días.

 

Alumna de O Carril fandeno a súa pregunta

Últimas novas