Ir o contido principal
  • Teléfono: 981 24 35 06
  • Email: info@omundoquequeremos.org

Aberta a inscrición para activistas

Aberta a inscrición para activistas

Medio ambiente, xénero, migracións... As maiores desigualdades do mundo preocupan ao alumnado galego e o profesorado precisa dunha ferramenta que lles permita pasar á acción. Esa é a esencia de Activistas polo Mundo que Queremos, un proxecto educativo co que aprender a modelar a nosa contorna para que sexa máis respectuosa coa natureza e máis tolerante coa diversidade.

Para iso, a comunidade escolar achegarase á palabra “activista”, ao seu significado e ao impacto real na sociedade. Así mesmo, coñecerá a capacidade transformadora da comunicación e abordará as principais desigualdades presentes no mundo e as maneiras de combatelas, de maneira que o alumnado fique agrupado en tres grandes categorías: o activismo medioambientalista e antiespecista, o activismo feminista e LGTBI e o activismo antirracista/antixenofobia.


Xuventude que inspira
A capacidade da xuventude para incorporar melloras aos espazos comúns presentes e futuros non pode ser ignorada. Así nolo lembran referentes coma Greta Thunberg, Malala, Emma González ou Amika George, impulsoras de movementos sociais que coas súas accións obrigaron a adoptar medidas políticas. A día de hoxe, son moitas as persoas novas que pelexan por que este planeta sexa un lugar mellor para vivir e que inspiran á súa contorna para que se una a esa loita. 

Nesa liña, Activistas polo Mundo que Queremos consolídase coma unha ferramenta que axuda á mocidade a identificar as problemáticas ao seu arredor e a actuar sobre elas. Así o avala unha experiencia que levou este proxecto a case 40 centros educativos e a máis de 3.000 mozos e mozas en toda Galicia.
 
O profesorado que queira sumar forzas a ese compromiso, só ten que achegarse virtualmente á convocatoria do proxecto Activistas polo Mundo que Queremos aberta ata o vindeiro 16 de setembro a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia. 

Aquí tedes todos os detalles do proxecto:
http://www.edu.xunta.gal/portal/node/9623

Para formalizar a inscrición:
http://www.edu.xunta.gal/portal/planproxecta
 

Últimas novas