Ir o contido principal
  • Teléfono: 981 24 35 06
  • Email: info@omundoquequeremos.org

Búscanse máis de cincocentos activistas para construir “O mundo que queremos”

Búscanse máis de cincocentos activistas para construir “O mundo que queremos”

CPR La Inmaculada CPR Plurilingue Santa Margarita IES Brión IES Castro Alobre

¿ Que pasa cando se xuntan cinco ong´s que traballan en cooperación internacional con cinco institutos galegos?  Pois que todo é posible. Dende conseguir becas de transporte para que o alumnado de zonas rurais poda continuar cos seus estudios ( como ocorreu no IES Fonmiñá de Pastoriza o ano pasado) ata programas de radio e exposicións fotográficas ( como fixeron en Carballo) andainas reivindicativas ( como en Silleda)  ou actos públicos de visibilización e denuncia no medio da feira de Cambre ou Laxe. E isto solo durante o pasado curso.

Este ambicioso proxecto de educación para o desenvolvemento ‘Cooperación Galega: O mundo que queremos’ leva xa catro años achegando a realidade dos países do Sur a máis de dous mil mozas e mozos galegos grazas a unión de cinco ong´s: Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Galega de Reporteir@s Solidari@s (Agareso), Educo, Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) e o colectivo 100Tolas, que traballan conxuntamente para fomentar una xuventude máis critica, responsable e participativa.

Nesta quinta edición, os centros educativos que se suman a esta aventura son IES Fernándo Wirth e CPR Plurilingue Santa Margarita de A Coruña, o IES Brión, o IES Castro Alobre de Vilagarcía de Arousa, o CPR Plurilingue María Inmaculada de Marín, e IES Fomiñá da Pastoriza, que repite.

O alumnado participante coñecerá durante todo o curso as problemáticas que afectan aos países empobrecidos, pero tamén ao seu propio entorno, a través de dinámicas innovadoras e participativas como xogos de rol, obradoiros de radio e fotografía, teatro da oprimida ou a visita ás súas escolas de persoas beneficiarias de proxectos de cooperación.

O proxecto divídese en varias estacións, con paradas moi diferentes, pero todas deseñadas para que ao final do curso o alumnado teña unha visión máis completa, tanto dos contidos que aborda a cooperación internacional como das ferramentas que teñen na súa man para contribuír á loita contra a desigualdade.

Durante este mes de decembro terá lugar a primeira parada de O Mundo que Queremos. Dan man da ONG Educo, achegarémonos aos centros educativos para explicarlle ó alumnado en que consiste o noso proxecto e que esperamos desta aventura. Dinámicas como os xogos de rol facilitarán o debate e a reflexión sobre temas como a desigualdade de xénero, o desenvolvemento sostible, ou a corresponsabilidade… conceptos complexos, pero que a través de accións lúdicas son máis sinxelos de comprender.

A segunda e terceira parada xa chegarán nos meses de xaneiro e febreiro, cos obradoiros de radio e fotografía impartidos pola ONG AGARESO. Son unha parte central do proxecto porque buscan que os rapaces e rapazas interioricen as problemáticas abordadas a través de ferramentas de comunicación para facelos partícipes da solución a través de accións de denuncia.

No mes de marzo, as compañeiras do colectivo 100Tolas convidarán o alumnado a coñecer a Ana e a súa viaxe a través da metodoloxía do Teatro Foro, unha das técnicas do Teatro da Oprimida. Vivirán con Ana a súa historia e compartirán as dificultades que se vai atopando neste camiño. Para ao final entre todas e todos buscar alternativas ás situacións de opresión que vive Ana só polo feito de ser muller e migrante.

A última parada será no mes de abril coa visita de dúas persoas do sur, que traballan dende os seus paises para transformar a realidade. A  través das súas experiencias vitais e a súa colaboración con proxectos de cooperación realizados pola ONG Asemblea de Cooperación pola Paz, contaránlle ao alumnado como loitan contra a desigualdade dende as súas comunidades e intentarán desmontar moitos dos prexuízos que existen sobre os países empobrecidos.

A traca final será a presentación de todo o traballo feito durante o ano nos diferentes concellos dos centros educativos nos meses de abril e maio. Estas presentacións teñen o obxectivo de amplificar as mensaxes elaborados polo alumnado e convidar ao resto da comunidade educativa a coñecelas.

Parte importante deste traballo é a propia difusión do traballo feito polo alumnado, así que desde O Mundo que Queremos convidamos aos medios de comunicación a que se acheguen aos centros educativos darlle voz aos mozas e mozos, que teñen moito que dicir.

‘Cooperación Galega: O mundo queremos’ é un proxecto financiado pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, e que forma parte da plataforma de innovación educativa ‘Plan Proxecta’, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Últimas novas