Unha das actividades máis esperadas dentro do noso proxecto é a visita aos centros educativos de persoas dos países do Sur vinculadas a proxectos de cooperación ao desenvolvemento. Nesta terceira edición, Gerardo Vega, director da Fundación Forjando Futuros de Colombia, foi o encargado a acercar ao alumnado galego a realidade do seu país, as consecuencias do conflito armado na poboación civil, o traballo que leva a cabo dentro da Fundación para acadar a restitución das terras, así como o papel da cooperación internacional no proceso de paz.
Nesta ocasión, pedimos ao alumnado dos cinco centros participantes que se convertesen en xornalistas por un día e tomasen boa nota da charla de Gerardo para logo facer unha pequena crónica.
Aquí podedes ver algúns exemplos do ben que o fixeron, parabéns rapaces e rapazas!
Post no blog ‘Filolandra’ do IES Isidro Parga Pondal
“O pasado mércores trece de abril visitounos un home chamado Gerardo Vega, director dunha ONG chamada Fundación Forjando Futuros (FFF), grazas á súa labor nesta entidade gañou o Premio Nacional da Paz no ano 2012.
Gerardo explicounos a situación de Colombia, por exemplo, dixo que a moeda nacional: o peso colombiano, estaba moi devaluado. A insignificante cifra dun euro correspóndese con 3.000 pesos.
Tamén falou dos métodos que utilizaba a FFF para axudar ás vítimas de asasinatos, desaparición, desprazo forzado e apropiación de terras despois das guerras que houbo en Colombia. A fundación axudou ao redor de 15.100 persoas mediante psicólogos, avogados e a sanidade. Para darse a escoitar a FFF emite entrevistas reais ou anuncios na televisión, informando das grandes inxustizas que ocorren en Colombia.
Para poder levar todos os proxectos a cabo, a Fundación Forjando Futuros recibe axudas de ONGs como ACPP, que grazas á que crearon una biblioteca, e con outras axudas de Barcelona, Málaga ou Bilbao construíron 100 vivendas para familias que non tiñan o básico. Outro proxecto que se levou a cabo foi una planta de tratamento de auga para 6.000 persoas que a necesitaban e non podían chegar a ela.
Tristemente, hai xente que non está de acordo con estas axudas e crean grupos contra os proxectos que se levan a cabo nesta ONG, incluso houbo empresas que chegaron a demandalos. Gerardo foi enviado ao cárcere e tras recibir ameazas de morte tivo que saír dúas veces do seu país. Dezasete traballadores e reclamantes de terra foron asasinados, e os terratenentes e paramilitares saíron libres sen ningún tipo de acusación ou demanda de delito”.
Alba Caamaño 3º ESO A. IES Isidro Parga Pondal