Ir o contido principal
  • Teléfono: 981 24 35 06
  • Email: info@omundoquequeremos.org

Todo un curso para construír cidadanía mais solidaria e participativa. Comeza a 7º edición do proxecto educativo O mundo que queremos

Alumnado do  CPI Zas no seu acto final

Todo un curso para construír cidadanía mais solidaria e participativa. Comeza a 7º edición do proxecto educativo O mundo que queremos

O próximo luns 16 de decembro arrancará una nova edición do proxecto de educación en valores ‘Cooperación Galega: O mundo que queremos’ no que participará o alumnado de cinco institutos galegos.

O obxectivo desta iniciativa que se estenderá ata o mes de maio,  é que o alumnado coñeza as problemáticas que afectan aos países empobrecidos, pero tamén ao seu propio entorno, a través de dinámicas innovadoras e divertidas como xogos de rol, obradoiros de radio e vídeo, teatro da oprimida, ou a visita ás súas escolas de activistas que traballan para mellorar as condicións de vida nos seus países co apoio da Cooperación Galega.

Esta será a sétima edición dun proxecto que xa achegou estas cuestións a 49 centros educativos,  160 profesores e profesoras e 3.130 alumnos e alumnas dende o ano 2013, grazas a unión de catro ongs, Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso), Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP), e o colectivo teatral 100Tolas, co financiamento do Plan Proxecta da Xunta de Galicia.

Os centros educativos que se suman ao proxecto este ano son, o CPI Dr López Suárez de Saviñao, en Escairon e o IES Alfoz Valadouro en Alfoz na provincia de Lugo. A representación pontevedresa estará a cargo dos  centro CPI Aurelio Marcelino Rey García en Cuntis e o IES Laxeiro de Lalín, e da provincia da Coruña partipará o centro IES Melide.

Durante este mes de decembro terá lugar a primeira sesión de O Mundo que Queremos, onde dinámicas como os xogos de rol facilitarán o debate e a reflexión sobre temas como a desigualdade de xénero, o desenvolvemento sostible, ou a corresponsabilidade… A segunda e terceira sesión chegarán nos meses de xaneiro e febreiro, cos obradoiros de radio e vídeo onde os mozos e mozas aprenderan a combater a desinformación e a converterse en consumidores mais críticos dos medios de comunicación.

No mes de marzo aprenderán a identificar e actuar en contra dos bulos coa obra teatral Non Bula-lo bulo e en abril recibirán a visita de dúas persoas que traballan dende os seus países para transformar a realidade.

A punto final do proxecto será no mes de maio, coa presentación de todo o traballo feito durante o curso nos diferentes concellos dos centros educativos. Estas presentacións teñen o obxectivo de amplificar as mensaxes elaboradas polo alumnado e convidar ao resto da comunidade a coñecelas e tomar partido.

"Cooperación Galega: O mundo queremos" é un proxecto financiado pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, e que forma parte da plataforma de innovación educativa ‘Plan Proxecta’, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Parte importante deste traballo é a propia difusión, así que dende O Mundo que Queremos convidamos aos medios de comunicación a que compartan esta información e se acheguen aos centros educativos para darlle voz aos mozas e mozos, verdadeiros protagonistas deste proxecto.

CALENDARIO DE SESIÓNS EN DECEMBRO

  • 16 de decembro: inauguramos O Mundo que Queremos 2019/20 no IES Alfoz Valadouro en Alfoz. Lugo, de 12:55h a 14:35.
  • 18 de decembro:  
    • CPI Dr López Suárez de Saviñao.Lugo; 14:35h:-16:15h
    • IES Laxeiro de Lalín. Pontevedra: 8:55-14:35h
  • 19 de decembro: IES Melide. A Coruña. 8:40-12:35h
  • 9  de xaneiro: CPI Aurelio Marcelino Rey García. Cuntis. Pontevedra. 8:45-13:45h

Video resumo de pasadas edicións de O Mundo que queremos

 

Últimas novas